Cantiga do Neno da Tenda (Federico Garcia Lorca)
Seis Poemas Galegos (1935)
BOS Aires ten unha gaita
sobro do Río da Prata
que toca o vento do norde
coa súa gris boca mollada.
¡Triste Ramón de Sismundi!
Aló, na rúa Esmeralda,
basoira que te basoira
polvo d’estantes e caixas.
Ao longo das rúas infindas
os galegos paseiaban
soñando un val imposibel
na verda riba da pampa.
¡Triste Ramón de Sismundi!
Sinteu a muiñeira d’ágoa
mentres sete bois da lúa
pacían na súa lembranza.
Foise pra veira do río,
veira do Rio da Prata.
Sauces e cabalos múos
creban o vidro das ágoas.
Non atopou o xemido
malencónico da gaita,
non víu o imenso gaiteiro
coa boca frolida d’alas;
triste Ramón de Sismundi,
veira do Río da Prata,
víu na tarde amortecida
bermello muro de lama.